A cooperativa de ensino Santiago Apóstol nace en 1976 froito dunha profunda e responsábel inquietude de renovación e cambio tanto a nivel educativo como socio-laboral, sendo a primeira cooperativa de ensino da provincia de Pontevedra. Unha verdadeira “revolución” no sistema educativo que antepón os principios pedagóxicos e os valores de cooperativismo, antes que calquera outro intento meramente económico.
Foi esta unha iniciativa sen dúbida arriscada, unha aposta de futuro que hoxe podemos dicir que é unha fermosa realidade consolidada. En poucos anos esta modalidade de cooperativismo esténdese a nivel autonómico co xurdimento de novas cooperativas de ensino.
A nosa traxectoria no tempo, pasa dun local en Avda José Solla en Arcade no que contabamos cunha liña dos 5 anos a 8º de E.G.B., á inauguración das actuais instalacións o 10 de outubro de 1981, nas que que ofrecemos un servizo á comunidade educativa que abrangue dende os catro meses ata o Bacharelato.
Este “éxito” non sería posíbel sen o esforzo e a entrega de todos e cada un dos profesionais que integran a cooperativa, e o apoio incondicional de pais e nais do alumnado do Colexio que creron e cren no proxecto educativo. Un proxecto baseado na igualdade de oportunidades, no respecto á diversidade, no desenvolvemento integral da persoa e no convencemento de que todo esforzo vale a pena.
Niveis educativos
Sectores: Educación - Formación