Xoana, Miguel e Raquel son tres persoas que decidiron pór en marcha o seu proxecto de autoemprego colectivo creando unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro. Este é o modelo máis acaído aos principios de Cestola na Cachola, que defende a economía social e solidaria, e de aí o nome: usar a cabeza antes de mercar ou “pousar a cestola na cachola”.
En Cestola na Cachola conviven proxectos no eido do muralismo, a pintura artística e a ilustración xunto cunha liña de consultaría especializada na formación participativa e a educación ao desenvolvemento. A pintura é unha boa ferramenta de promoción do consumo consciente e a economía solidaria, por iso parte dos debuxos de Cestola son estampados sobre prendas e tecidos ecolóxicos e de comercio xusto.
Na súa páxina web teñen unha tenda en liña, na que se poden atopar os seus produtos: contos, láminas, postais, roupa (moda ética) e información sobre o resto dos servizos que ofrecen.