Ano tras ano, a desfeita anunciada dos lumes toma protagonismo coa chegada do verán. Unha e outra vez falamos dos problemas do rural, do monte abandonado, dos incendiarios, da falta de instrumentos sociais e políticos para lle facer fronte ao problema do monocultivo do eucalipto.
En 2014, un grupo de xente decide facer algo: crear un proxecto colectivo baseado na sustentabilidade que aposte pola educación e a participación social, un proxecto que reforce a idea do monte como ben común e que impulse unha xestión participada do territorio. Xurde así o proxecto Batefogo.
Cando comezaron co deseño do proxecto tiñan claro que boa parte das solucións á problemática dos incendios estaba no terreo do social. As súas ferramentas eran, e son, a educación e a participación, e con elas traballan nas comunidades máis directamente afectadas polos lumes, abordando as súas causas estruturais e deseñando colectivamente propostas de actuación.
Unha das liñas transversais era o xénero, incorporando na metodoloxía de intervención técnicas e dispositivos educativos e participativos que apostan pola equidade. Porén, nunha panorámica superficial do mundo do lume, a presenza de mulleres resulta aparentemente anecdótica. A súa visibilidade nos distintos escenarios do complexo quebracabezas que supón a problemática dos incendios forestais en Galicia é moi reducida.
Chega con facer memoria das noticias sobre a autoría dos lumes, das imaxes do servizo de extinción, dos comités da administración ou dos foros de debate sobre os lumes, o ordenamento e a xestión do territorio. É que elas non prenden? Non apagan? Non deciden? Non reflexionan sobre os incendios forestais, as súas causas e consecuencias?
Este libro nace para dar resposta a algunhas desas preguntas e mesmo facer outras que contribúan a implicar cada vez máis persoas, colectivos e entidades na prevención dos lumes forestais. A través da temática dos lumes en Galicia, ábresenos un abano de múltiples puntos de vista desde os que podemos abordala e que á súa vez nos achegan datos da historia e evolución dos nosos montes, mais tamén da nosa sociedade. Cunha mirada multidisciplinar, falamos de prevención de lumes forestais, mais tamén de historia, socioloxía, ciencias ambientais, urbanismo, economía e ecoloxía.
Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais terá formato de libro impreso e a súa publicación está prevista para outubro de 2019.
Atópase en proceso de cofinanciamento dentro da plataforma de mecenado Goteo e está a piques de acadar o capital mínimo para levar a cabo a edición.
Calquera persoa pode facerse mecenas mercando o libro de xeito anticipado ou escollendo entre varias recompensas, como unha postal, outras obras de Catro Ventos ou mesmo unha serigrafía de Xoana Almar (
Cestola na Cachola), autora da imaxe que ilustra a obra.
O
Batefogo é un proxecto de intervención social que propón compaxinar de forma eficaz a prevención dos lumes coa dinamización económica e social do medio rural. O seu deseño é o resultado do traballo agregado dunha equipa multidisciplinar composta por Celsa González Ogando, EnComún Proxectos, S. Coop. Galega, Feitoría Verde, S. Coop. Galega e Miguel Pardellas Santiago.
Desde o ano 2016, en que comeza a súa andaina, o proxecto púxose en práctica no concello de Manzaneda (como proxecto piloto) e na Comarca do Barbanza (nos concellos de Porto do Son, Ribeira, Boiro e a Pobra do Caramiñal). Ademais, tense colaborado na realización de iniciativas puntuais a través de asociacións e comunidades de montes nos concellos de Teo, Ponteareas, Lugo, Marín, Chandrexa de Queixa, Chantada ou Santiago de Compostela.
Sobre a editora