04/03/2019
Esta canle presentouse como unha ferramenta de difusión da economía social e do seu potencial como xeradora de emprego de calidade e adaptada á súa contorna socioeconómica. A iniciativa céntrase no sector das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) e ten como obxectivo dar a coñecer de xeito innovador os principios da economía social neste ámbito, así como exemplos de iniciativas empresariais consolidadas nos eixos “economía social” e “TIC”.
Para o seguir o proxecto “Economía social. TIC Galicia-Portugal”, o LACES conta desde 2017 con catro contas nas redes Facebook, Twitter, Instagram e YouTube, ás cales se engaden neste 2019 dúas novas vías de comunicación, unha canle en Whatsapp e outra en Telegram.
Concibida como un laboratorio de apoio á creación de emprego e de empresas de economía social, esta iniciativa tivo unha boa acollida nas redes sociais, e agora preténdese ampliar o público e diseminación das mensaxes grazas á experiencia adquirida e ás novas canles creadas.
A Canle na rede buscará difundir os valores e as vantaxes que a ECONOMÍA SOCIAL pode ofrecer ao mundo empresarial TIC, porque a ES xa é unha realidade económica e social moi significativa en todo o mundo, con presenza destacada en múltiples sectores de actividade, e para o ámbito tic pode ter interese estratéxico desenvolverse nun marco de xestión autónoma e transparente, democrática e participativa, que prioriza a toma de decisións en función das persoas e as súas achegas de traballo máis que en relación ás súas contribucións de capital.
“Economía social. TIC Galicia-Portugal” inscríbese no programa europeo LACES, proxecto que ten como obxectivo contribuír ao fomento da economía social na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. Con el, preténdese dar un salto cuantitativo na competitividade e impulsar os proxectos empresariais de economía social no espazo transfronteirizo, axudando á creación de empresas e de empregos de calidade na Eurorrexión.
Así mesmo, o LACES materialízase a través do apoio vehiculado polo Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. Trátase dun instrumento para avanzar na melloría da calidade de vida das poboacións da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, tendo como base a súa aposta pola Economía Social, un sector que, segundo o Comité Económico e Social Europeo, ao longo das últimas décadas, ten gañado un peso e relevancia cada vez maiores desde o punto de vista político e xurídico a nivel europeo.
LACES ofrece un conxunto de servizos agrupados en catro laboratorios piloto, dirixidos a implementar novas estratexias de promoción e apoio á economía social nos sectores emerxentes e a modernizar os máis tradicionais.
Entidades socias do Proxecto LACES: Para implementar no territorio as distintas actuacións previstas, ademais da Xunta de Galicia participan as entidades galegas e portuguesas: Unión de Cooperativas EspazoCoop, Universidade de Santiago de Compostela (USC), Asociación galega de cooperativas agroalimentarias (Agaca), Asociación de sociedades laborais galegas (Aesgal), Utad, Tec Minho, In.cubo e a Câmara Municipal de Santo Tirso.
Para máis información: 986 86 61 49 | info@espazo.coop